Friday 17 de May de 2024

A Mancomunidade de Ordes aposta pola seu Servizo de Normalización Lingüística


O Pleno acordou solicitar da Xunta de Galicia a subvención para o seu mantemento

O Pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes acordou na sesión deste mes, que tivo lugar esta semana, solicitar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a subvención ás entidades para a promoción da lingua galega.

Concretamente solicítase unha achega de 11.000 euros, destinados ao fomento da prestación do Servizo de Normalización Lingüística, departamento encargado de promover a planificación e o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega. Ademais de prestar servizos de tradución e corrección ortográfica aos concellos da comarca, tamén organiza e pon en marcha diversos programas e actividades dirixidas a distintos sectores da poboación. Entre estes destacan as xincanas escolares do verán, a promoción e difusión de efemérides e celebracións destacadas como o Día de Rosalía de Castro e as Letras Galegas con concursos e certames temáticos, a organización e realización de cursos de lingua galega (tanto básicos para a poboación estranxeira como de preparación das probas para a obtención dos Celga), ademais de impartilos, ao igual que a parte de lingua galega das xornadas de competencias clave.

Cómpre sinalar que esta achega económica, no caso de ser concedida pola Xunta de Galicia, súmase á de 12.000 euros concedida no seu día pola Deputación da Coruña.